UNHA HISTORIA DE TEMPOS RUINS
Coa man esquerda
Xabier Quiroga
Edicións Xerais, Vigo, 2023, 198 páxinas
Xabier Quiroga, o autor de Coa man esquerda, retorna á narrativa galega tras a súa última achega: O baile dos estorniños (2021) e con varias pezas traducidas ao castelán. Para quen isto escribe, ler, comentar e valorar unha obra de Xabier Quiroga resulta a priori pracenteiro, baseándome na experiencia da lectura doutras obras do autor que puiden gorentar como Atuado na braña, Izan o da saca, O cabo do mundo e a xa amentada, O baile dos estorniños.
Xa no Prefacio o autor ponnos na pista da trama: na Foz do Tejo, un escritor -máis adiante saberemos que é un escritor retirado- recibe un sobre que contén unha nota e unha manchea de follas manuscritas dun xeito zarrapalleiro. Remíteas unha muller para cumprir con derradeiro encargo dun ancián: un legado dirixido ao protagonista relator e contarlle algo que acontecera antes do seu nacemento. Logo da descrición de ambientes e de algúns personaxes, encontramos a palabra escapao e a referencia aos paxaros azuis. O protagonista relator, un cativo analfabeto devece por achegarse á burata, e ver no que na mesma se agocha.
Ata que un día o fai, e o que ve é unha figura anicada con cara de moucho. Pero o pai vello non quere que os paxaros azuis descubran o que se esconde na burata, xa que era a namorada dun escapao. O cativo faise amigo da moza da burata que está preñada, e os lectores somos téstememuñas das súas pexas por ser analfabeto que atura na escola. Á vez que é vítima dos abusos pedófilos do señor da casa grande.
Xabier Quiroga
Un enredo que remata dun xeito tráxico e estragado, que non desvelarei e que acontece sen indicios previos ao longo do texto. A novela é unha sorte de confesión coa que un vello se libera do lastre dun pesadelo, e permite asemade descubrir un segredo que o narrador descoñecía verbo da súa propia existencia.
Baseada nun feito real que aconteceu hai unha manchea de anos no Concello de Saviñao, o mérito de Xabier Quiroga foi convertelo en ficción. Non tivo a intención de ser o espello que reflicte con exactitude a realidade, que queda condicionada polo marcador semántico que é a ficción. Relatada en primeira persoa e cunha estrutura lineal e capítulos curtos, Coa man esquerda é unha obra comprometida, coma outras do autor, coa realidade e cos humildes. Virtudes da novela son ademais a habelencia e mestría cos que Xabier Quiroga nos achega os costumes do mundo rural, cunha linguaxe mi galega, tirada dese mundo do campo.
Francisco Martínez Bouzas
Novenoites Crítica Literaria
Comentarios
Publicar un comentario