SANTIAGO: UNHA ENFERMIDADE CHEA DE MUSGO
Anatol e dous máis
Blanca Riestra
Editorial Galaxia,Vigo, 2023, 145 páxinas.
A coruñesa Blanca Riestra é unha escritora galega, xa que escribiu e publicou dúas novelas en galego, mais Anatol e dous máis non é una novela galega, senón a tradución, realizada pola mesma autora, da que Anagrama editou en 1996, escrita por certo en Santiago. Confesa que preferiu o máis común: escribir en castelán. Anatol e dous máis é una novela enteiramente santiaguesa estruturada en cinco grandes sección. Na primeira das mesmas achéganos os principais protagonistas: Paula, Gustavo e Anatol. Cada un coas súas cismas, como tal as de Anatol, cuxo nome é Pepe e non quere que lle chamen Anatol, pero é un escritor novel e Gustavo teima que non escriba sobre a tristeza e que diga cousas ousadas e fortes.
Poren, viven o seu mundo provinciano, nunha cidade ateigada de musgo, con grande intensidade, e Paula que amalgama autorreverencia e autoodio. Os tres protagonistas decántanse da incerteza inatacable do seu trío. Un trío que un deles define como a historia triangular de dous trastornados e un escritoruco, mais unha relación que está máis alá do ben e do mal.
Anatol e dous máis é un peza na que falando con rigor, non existe enredo, unha historia cos elementos canónicos da mesma. Sobre todo, carece de desenlace, como non sexa ese sentirse sós e máis sós cando foden. Na miña estima estamos diante dunha novela de formación, de educación sentimental; e unha ollada impresionista e á vez expresionista da Cidade das Estrelas: un Santiago que non é o das postais, con sol tímido no inverno, apuros de exames, pero só un chisco alegre. Unha cidade vella na que o sol ilumina a decadencia, pero unha urbe que se mete nos ósos e “acaba sendo una enfermidade chea de musgo” (p. 73).
Nesta cidade triste e asollada, vexetan ou pululan os tres protagonistas e algúns outros personaxes e vagabundos que case todos foran poetas. Vivir, cinguirse a estudar malamente, soportar una xuventude transitoria, carreiras nocturnas, borracheiras, facerlle as veiras ás rapazas, ás mozas que estudaban Maxisterio, soñar coa democratización do sexo ou pensar en ser escritor. E detrás dese espello que reflicten as súas vidas, agáchase a existencia de seres humanos necesitados de afecto.
Desde o punto de vista técnico, a novela está narrada na súa meirande parte en primeira persoa, con alternancia de voces que realizan as funcións de describir espazos, o desenvolvemento no tempo e os principais trazos dos protagonistas e as súas accións. Se ben, por veces un narrador heterodiexético relátanos algúns acontecementos dunha historia lineal, ganduxada cunha prosa ateigada de calidade, cun brillante xogo coas palabras.
Francisco Martínez Bouzas
Novenoites Crítica Literaria
Comentarios
Publicar un comentario