OS SEGREDOS DAS RELACIÓNS AMOROSAS

O que queda de nós

Marina Mayoral

Editorial Galaxia, Vigo, 2023, 282 páxinas.

 

 

   Marina Mayoral (Mondoñedo 1942) é unha autora consolidada no eido da narrativa, tanto en castelán como en galego. No seu haber podemos achar unha obra narrativa de gran valor literario que se inaugura no ano 1979 con Cándida otra vez, e polo de agora, remata con La única mujer en el mundo (2019). Estudosa ademais de Emilia Pardo Bazán e de Rosalía de Castro, á que lle dedicou un ensaio en 1974 que foi posiblemente o se debut na escrita. Editorial Galaxia ofrece xuntas arestora  Unha árbore, un adeus (1988) e Ao pé do magnolio (2004). Nun amplo limiar a autora expón a orixe da escrita da primeira novela. Unha pantasma literaria xurdida nas vacacións de verán ao ver unha parella de veraneantes nórdicos cos seus fillos da mesma idade: un neno branco e louro e unha meniña negra coma o carbón. Ao pé do magnolio xurdiulle de vez porque os personaxes Laura e Paco demandaban unha continuación. Xa que logo, deben lerse as dúas novelas coma capítulos da mesma historia.

   Nunha breve sinopse da primeira novela, Marina Mayoral preséntanos a Laura, a protagonista, na metade da súa vida e que se afastara do seu pai, dos amigos da nenez e do vello pazo familiar, coa finalidade de iniciar a súa propia existencia, o seu propio sendeiro vital. O lector soamente atopará a voz de Laura que responde ás persoas que falan con ela ou que medita verbo da súa existencia. E diríxese a Paco, mentres intenta plantar unha árbore, un magnolio. Lembra a común nenez  e o ben que o pasaban. Tamén a súa propia situación actual e a da súa familia. O fío condutor e os eixos da novela son o desexo de ter unha vida propia, o retorno ás súas raíces e a urxencia de reflexionar verbo do amor e a amizade. A novela remata co magnolio plantado e o rogo de que Paco o coide. E Laura ensumida nos seus recordos.

    

                                               

                                     Marina Mayoral

 

   Ao pé do magnolio  fecha a órbita desta historia. Marina Mayoral pretende coñecer o que pensa Paco sobre os acontecementos: cales foran os motivos para quedar no pazo postergando a súa vocación de arquitecto, adecuando a súa existencia aos lindes do mundo no que nacera e viviu, porque coida que Laura non é imparcial, e debería terlle dado antes a oportunidade de ofrecer a súa versión dos feitos.

   Así pois,unha novela  sobre unha determinación vital, adoptada por un home que se amalgama coa tomada por Laura. Como a narrativa de Marina Mayoral, estas dúas novelas que forman un todo, salientan  a singular concepción do amor e da morte como elementos que determinan o destino humano. Excelentes análises psicolóxicas, naturalidade da súa prosa e o xogo de perspectivas, son algunhas das marcas da súa escrita.

(Texto publicado no suplemento Faro da Cultura do xornal Faro de Vigo o 7 de setembro de 2023)

                              

 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

UNHA GUÍA COMPLETA DA ARTE GALEGA

O HORROR DO ABORTO CLANDESTINO

O UNIVERSO DOS ANCARES