O FÚTBOL PERMANECE
O libro do fútbol
Varios autores
Editorial Galaxia, Vigo, 2023, 164 páxinas
Nun tempo de pasaxe e mudanza no que o fútbol segue a ser o único e grande episodio incombustible, tal como lembra o dito de Camilo Franco: “O tempo pasa, pero o fútbol permanece en formas infinitas”, no se deixaba entender que o xogo do balompé no tivese tirado do maxín dos escritores galegos. A miña acordanza lembra, porén, dúas pezas narrativas que centran a súa trama argumental nas lideiras e lindezas do futbol da autoria de Vázquez Pintor e Xurxo Sierra. Arestora unha desas formas infinitas de permanencia do fútbol na nosa cultura é esta colección de relatos na que once plumas da literatura de noso (Pedro Feijóo, Mercedes Cobillon, Xosé Ramón Pena, Alberto Avendaño, Elena Gallego Abad, Ana Abad Larriva, Rexina Vega, Xosé A Perozo, Ernesto Is, Cristina Pato e Afonso Becerra de Becerreá) nos acercan ao fútbol con cadanseu relato de tamaño considerable. Once relatos estruturados a imaxe dun equipo de fútbol: portería, defensa, media e dianteira. Un equipo co único equipamento da literatura e co gol da boa narrativa como único propósito.
Os autores e autoras ganduxan as fías das súas narracións de xeito que o fútbol nos semella, ao mesmo tempo, algo cotián e epopeico, no que agroma, xaora, a rivalidade, a paixón, a contrariedade, o abraio ou a mesma éxtase e a euforia.
Resulta imposible recuperar nestas liñas as fías ou un pequeno resume das tramas dos once relatos, mais os lectores atoparán o mellor dianteiro centro de toda a historia, o mellor xogador da contorna, caneos brillantes que, porén non permiten xutar, goles cuánticos, mulleres que revolucionaron o mundo do fútbol galego, balóns que lembran traxedias, a violencia do fútbol, cabalgadas de vertixe, o Celta de 1987, porteiras de cento vinte e dous anos, moito fútbol feminino, e nomeadamente distintas tonalidades e selos estilísticos, desenfadados case sempre, que intentan achegarnos ao mundo do fútbol
(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 5 de outubro de 2023
Comentarios
Publicar un comentario