CASO PECHADO
Só ficarán cinzas en algures
Toño Guede
Editorial Galaxia, Vigo, 2022, 180 páxinas.
Outra novela cun enredo detectivesco. Mesmo semella que a narrativa galega atopou a súa veta temática en tramas con asasinatos, inspectores de policía ou espelidos sabuxos que, desde a súa oficina ou movéndose polas rúas das nosas cidades, resolven os crimes. A cidades por antonomasia onde acontecen os sucesos e a súa resolución acostuma ser Vigo.
Pero no debut na narrativa de Toño Guede, é a cidade de Ourense que mesmo se converte en protagonista espacial en canto ao nome de rúas e barrios deste enredo detectivesco. Xa que logo o lector ten diante súa unha novela policial ourensá.
O novelo de So ficarán cinzas en algures dá comezo cando un empresario de éxito visita o inspector Lavandeira. No treito temporal duns días recibe paquetes que semellan ameazantes. A primeira vez é un corazón de boi, outro día un paquete con dous ovos de galiña moi ben embalados. Nunha segunda caixa, dous ovos de paspallás.Semella unha andrómena, pero tamén unha mensaxe clara. Logo o empresario atopa no leito do dormitorio unha grande cornamenta.
Toño Guede
A novela redúcese no seu comezo a acontecementos aparentemente banais. É a interpretación da policía. Mais a todo isto súmase a desaparición dunha moza orfa. Está relacionada co caso que a policía tíña entre mans? As pescudas policiais, desta volta en coordinación coa Garda Civil, céntranse sobre todo na desaparición da moza Helena Bermúdez. Formulan diversas hipóteses e unha procura de probas para incriminar a alguén. Entremedias, relacións que viven horas baixas, mulleres que enganan os seus maridos que, pola súa banda, tamén teñen amantes. Feitos que a policía relaciona coa desaparición de moza. No desenlace, caso pechado, aínda que o inspector Lavandeira no está convencido.
A novela sitúase no sámago da narrativa policial, con narradores coprotagonistas ou amigos ou compañeiros do protagonista e cun solo propósito: a solución dos enigmas a base de enxeño ou habilidade do corpo policial nun contexto concordante co historia. Un labor que queda en mans dun investigador frío e cerebra, unha máquina de pensar. Priviléxiase o misterio e o traballo dos policías como elemento central do problema. Da mesma está ausente o retrato psicolóxico e social tanto en relación co policía como co criminal. Ausente asemade a imaxe crítica da sociedade. Neste caso da sociedade ourensá. As únicas referencias á cidade das Burgas son algunhas rúas e barrios e que Ourense é unha cidade tranquila. Endalí que o interese da novela de Toño Guede quede reducido á resolución do enigma. Acadado isto, caso pechado.
Francisco Martínez Bouzas
Novenoites, crítica literaria
(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 21 de abril de 2022)
Comentarios
Publicar un comentario