DEAMBULANDO ENTRE RUINAS
Illas remotas
Ignacio Vidal PortabalesEditorial Galaxia, Vigo, 2022, 211 páxinas.
Esta novela demostra que a ficción non ten límites nin extremas. E que, cando a manexa un ourive competente, malia a complexidade da estrutura da mesma, podemos agardar un produto literario eficaz e mesmo vigoroso, que fai confluír o que semella moi afastado no espazo e, a primeira vista, tamén na trama.
Mais para comprender esa fusión que a fabulación é capaz de facer no desenlace, cómpre tomar nota do máis salientable da historia. O novelista Ignacio Vidal Portabales (Compostela, 1958), autor dunha lúcida paranoia do moderno filósofo cínico en taparrabos (Dióxenes en Dolorida) divide esta peza da mesma historia en dúas partes, a primeira vista moi afastadas.
Na primeira achéganos á vida de dúas nenas, Cata e Luci., fillas dun pai ao que o licor deixa frecuentemente fora de xogo. Viven nun apartamento cutre. Viñeran a Colombia desde Galicia; o pai apenas as alimentaba, e, orfas de nai, cun amigo vagabundeaban polas rúas de Bogotá como dúas gaminas.
E acto seguido sabemos da existencia, igualmente sombriza e sen perspectivas de dúas irmáns galega, Catuxa e Lucia. As dúas con parellas infieis e mergulladas no túnel dos seus divorcios nos que elas tamén colaboraron. Posúen unha boutique, mais, ao non cumprir cos prazos, chéganlles as notificación dos xulgados. Son conscientes de estaren afundíndose a modo e sen que ninguén as axude. Están tocando fondo e lamben as súas feridas; e ademais os seu caracteres son moi diverxentes.
Ignacio Vidal Portabales
Mais inesperadamente reciben unha herdanza xenerosa, cunha obriga cara a unha muller, Elisa, que ten dúas nenas que as levou o pais e non sabe onde se atopan, se ben sospeita que as trasladara a América Latina. É entón cando aparece o labor de enxéñoso ourive de Ignacio Vidal Portabales, capaz de amalgamar estruturas, unir destinos e achegarnos unha peza cun desenlace insospeitado.
As grandes virtudes desta novela son, sobre todo, o feito de encadrar dúas historias, moi afastadas no espazo, e, a primeira vista, sen relación temática ningunha. Como eiva, anoto que, na miña estima, o autor rumia en demasía as relación entre as dúas irmás galegas, ata o punto de facer pesada a súa lectura nesa sección. Malia o desenlace feliz, esta é outra novela de desenmascaramento social, neste caso por achegarnos ás existencias pavorosas de catro persoas que coleccionaban vivencias desgraciadas, e ás que o destino, como a tantas e a tantos outros, lles regalou unha vida entre a miseria a a falta de horizontes. Porén, o azar veu poñer algo de xustiza neste mundo tan alleo á mesma.
Francisco Martínez Bouzas
Novenoites Crítica literaria
(Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 9 de febreiro de 2023)
Comentarios
Publicar un comentario