TRES PERSONAXES NUNHA HISTORIA DE POSGUERRA
Cocaina
Xavier López
Editorial Menino Morreu, A Coruña, 2022, 79 páxinas
Hai anos que Xavier López era un autor prolífico, merecedor dos máis relevantes galardóns do sistema literario galego. Na actualidade é un narrador experimentado, de gran calidade e versatilidade, alicerzándose en historias ateigadas de trama e estruturas cunha rede de dependencias mutuas, entre os compoñentes do conxunto narrativo.
E isto, abofé, é o que acontece na súa última entrega novelesca: Cocaína. Tres personaxes e tres historias cuxas secuencias se van alternando ao longo do libro, e que Xavier López é capaz de ganduxar nunha sorte de novela con tres argumentos que nos achegan unha imaxe escura e abraiante do territorio asturiano despois da Guerra.
A historia de Manuel José Olegario Gómez Rosende, de alcume Pequecho, que desde a contorna de Monforte de Lemos pasa da terceira división, e cunha estatura que lle fai honor ao seu nome, a xogar no Real Oviedo. É a súa última oportunidade, e non lle importa durmir no tren no que viaxa o equipo por media España. Non mete un gol, agás no desenlace. Outro personaxe e outra historia é a do doutor Berrocal, desempeña traballos para o Real Oviedo.
Xabier López
Cada vez recibe menos pacientes. Mais o seu descrédito comeza pola xenerosidade en asinar receitas, tamén de cocaína. Ata que por un despiste o bota todo a perder, e vese na obriga de servirse dun tunante da Calle Oscura para mercar a sustancia na botica.
Por último, a intriga do Raposu, un guerrilleiro nos montes asturianos, rodeado de traicións, desercións e mortes. Seguindo ordes, nunha arroutada baixa do monte unha noite, acércase á casa e alí, nunha fiestra estaba Ela e os dous nenos.. O autor, empregando o estilo indirecto libre, unha lingua axeitada e concisa e un ritmo que fai avanzar a lectura, recrea tres historias que dalgún xeito se suturan, tres novelos existenciais que dan conta dalgunhas formas de vida da posguerra. Non remato sen unha chamada de atención verbo dos numerosas erratas, unindo vocábulos que deben ir separados e que abundan ata a metade do libro.
Francisco Martínez Bouzas
Novenoites Crítica Literaria
Comentarios
Publicar un comentario