CON PERSPECTIVA DE XÉNERO

Oito días sen Eva Cortes

Sara Vila Alonso

Editorial Galaxia, Vigo, 2022, 191 páxinas.

 

    

 

 

  Xornalista de profesión, a autora Sara Vila Alonso fai o seu debut na narrativa de noso de longo percorrido con Oito días sen Eva Cortes, peza gañadora do Premio Illa Nova 2021.Unha nova voz narrativa que utiliza con acaída perfección os recursos da intriga e do discurso narrativo; e pon o acento na realidade e no mundo que nos rodea. Unha peza narrativa escrita con perspectiva de xénero fronte ao enfoque machista, promovido polos xefes do xornal onde traballa Antía que investiga a desaparición de Eva Cortes que preferirían un tratamento sensacionalista e lacrimóxeno.

   A novela é un thriller que explora as causas da desaparición de tantas mulleres sen deixar pegadas, e á vez trata de desbotar os medos que converxen nas desaparicións. A historia atrapa dende o primeiro capítulo, como sinala o fallo do xurado, tanto polo enredo, a intriga, como pola súa prosa sólida e o control do ritmo narrativo, Tamén pola construción de personaxes poliédricos nunha novela que sutura  tres voces narrativas, tres personaxes cribles e que se manifestan a través da intriga.

   O escenario, Pontevella é ficticio, e no mesmo o lector presenza as esculcas que leva a cabo unha xornalista,Antía que cubre a ausencia dun compañeiro que  leva a sección de sucesos; e que moi pronto se verá enleada na trama que non é outra que a desaparición, a primeira vista voluntaria, tras un fin de semana de festa, da moza Eva Cortes.

    

                                   

                                                                          Sara Vila Alonso

 

A xornalista achégase con empatía á moza desaparecida, o que nos permite ver as semellanzas entre as dúas mulleres, ata o punto de que a xornalista remata por se ver a si mesma como vítima dun contexto social no que o feito de nacer muller implica dificultades, por veces difíciles de superar, o que a afecta na súa vida persoal. O desenvolvemento da intriga ofrécenos unha visión perturbadora do acoso que soporta a muller, a violencia de xénero. Todo iso encaixado nunha visón nada optimista da sociedade actual. A autora emprega nesta tarefa tres enfoques: unha narración en terceira persoa que actúa como piar de toda a novela, a publicación das novas de cada  día polo xornais, e unha linguaxe acaída e moi xornalística.

   En resumo, unha novela máis de personaxes que de intriga, cun traballo de fondo ben estruturado, con presenza do dilema ética-sensacionalismo, e con acertadas reflexións sobre o xornalismo. Un ritmo apropiado, se tramas atravesadas e unha acertada dosificación da historia son os mellores ingredientes deste debut.

 

Francisco Martínez Bouzas

Novenoites, crítica literaria

 (Texto publicado no xornal Faro de Vigo o 17 de marzo de 2022)

 

Comentarios

Publicacións populares deste blog

UNHA GUÍA COMPLETA DA ARTE GALEGA

O HORROR DO ABORTO CLANDESTINO

O UNIVERSO DOS ANCARES